O DOCUMENTO QUE PRESENTOU O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO CONSTA DE 33 PROPOSTAS

O BNG realiza achegas para mellorar o regulamento do Multiusos "Mercado de Sabarís"

658c7413-9867-4eb8-9b11-5b03af5db855_16-9-aspect-ratio_default_0
O BNG realiza achegas para mellorar o regulamento do Multiusos "Mercado de Sabarís"

O Bloque Nacionalista Galego entende que o Multiusos “Mercado de Sabarís” é un edificio municipal que debe ter como obxecto ser un lugar de encontro social, cultural e dinamizador do Concello de Baiona.

Consideramos moi axeitado abrir o documento á consulta pública en prol de conseguir fomentar a participación veciñal e, ao ser un edificio municipal de nova creación, permitiranos crear entre todas e todos un regulamento de uso sen prexuízos.

Tendo en conta a potencialidade do propio edificio, que dispón de espazos como un salón de actos de 145 m², catro despachos pechados de 20 m² e catro despachos abertos de máis de 9 m², debemos aspirar a que sexa un centro vivo e coas máximas ofertas sociais, culturais, formativas e dinamizadoras posíbeis.

Do mesmo xeito, hai espazo suficiente para que sexa un lugar para facilitar o funcionamento, fomentar o asociacionismo e actividades dos diferentes colectivos, entidades e asociacións de Baiona en xeral e, da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa en particular.

Xa que logo, en base a estes principios e ante a consulta pública previa do regulamento para o uso temporal das instalacións do Multiusos “Mercado de Sabarís” o Bloque Nacionalista Galego ven de presentar unha serie de propostas para mellorar o documento exposto.

 

 

”Propostas á consulta pública previa do regulamento para o uso temporal das instalacións do Multiusos "Mercado de Sabarís"

Proposta 1: Eliminación do adxectivo “temporal” na nomenclatura do regulamento. O documento regula o uso xeral do Multiusos, non só un uso temporal.
P. 2: No segundo parágrafo do Artigo 1 fai referencia errónea a “... no artigo 8…”
P. 3: No artigo 1, eliminación 3º parágrafo.
P. 4: No Artigo 4, apartado b, fai referencia as características técnicas do escenario sen determinar a capacidade.
P. 5: No Artigo 5, modificación do quinto punto polo seguinte: “Reunións dos órganos de goberno e xuntas rectoras dos colectivos veciñais inscritos no Rexistro municipal (4 despachos)”.
P. 6: No Artigo 5, engadir ao punto 6 “actividades formativas”.
P. 7: Engadir no Artigo 5: “Asembleas xerais dos colectivos veciñais inscritos no Rexistro municipal”.
P. 8: Engadir no Artigo 5: “Reunións e asembleas organizadas polo Concello en prol da participación veciñal”.
P. 9: No artigo 5, eliminar: “Quedan prohibidos os seguintes usos: Os eventos de carácter gastronómico e outros non recollidos neste regulamento”. Non ten sentido facer referencia a usos prohibidos no artigo denominado “USOS”, sobre todo cando hai un artigo concreto para “Prohibición dos seguintes espectáculos públicos”.
P. 10: No artigo 6, engadir un punto 4: “A cesión temporal dos despachos á entidades e asociacións veciñais inscritos no Rexistro municipal”.
P. 11: No Artigo 8, eliminar “a pagar” no titulado.
P. 12: No Artigo 8, engadir o seguinte: “Será gratuíto o seu uso para actos ou actividades sen ánimo de lucro e que non supoñan custo para o público asistente.”
P. 13: No artigo 9, Substitución do primeiro parágrafo por: “A cesión a terceiros poderá ser:
- Cesión puntual: Para desenvolver un acto concreto e extraordinario, con data e horario predeterminado. Podendo solicitar o uso puntual do “Multiusos Mercado de Sabarís” todas as entidades e colectivos que desexen realizar actividades autorizadas no presente regulamento.
- Cesión temporal: Para facilitar o funcionamento ordinario das entidades e colectivos que estean inscritos no Rexistro Municipal. A cesión temporal será por un ano podendo ser renovada mentras se cumpra o establecido neste regulamento.”
P. 14: No artigo 9, engadir no 3º parágrafo: “cando así se considere oportuno”
P. 15: No artigo 10, cambio de título por: “Criterios de autorización de cesión puntual”
P. 16: No artigo 10, eliminación do apartado b.
P. 17: No artigo 10, engadir ao apartado c: “no caso de que requírase o seus servizos”
P. 18: No artigo 10, substitución do apartado d por:
“Ante calquera cesión puntual terán orde de prioridade:
1. A programación do Concello de Baiona.
2. Os convenios de colaboración.
3. As cesións temporais.“
P. 19: A continuación do Artigo 10 engadir un novo artigo:
“Criterios de autorización de cesión temporal.
a) As entidades e colectivos deben estar inscritos no Rexistro Municipal.
b) As actividades a realizar son de funcionamento ordinario, sen prexuízo de chegar a acordos co Concello de Baiona na creación dun calendario anual para realización de actividades recollidas no presente regulamento.
c) A duración da cesión temporal será por un ano. Podendo ser renovada mentras se cumpra o establecido neste regulamento.
d) No caso de non existir espazos suficientes para satisfacer todas as peticións, priorizarase á entidades e colectivos que teñan o seu ámbito de actuación na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.”
P. 20: No Artigo 11, substituir o apartado c por: “Os que impliquen que os animais sufran crueldade, maltrato ou facerlles obxecto de trato antinatural.”
P. 21: No Artigo 11, engadir: “actividades que teñan como finalidade a venda directa, indirecta ou de promoción de artigos de consumo.”
P. 22: No Artigo 12, eliminar do título “de apertura” e substituir a redacción proposta por: “O horario de apertura e peche será determinado polo Concello a través da autorización, convenio de colaboración ou cesión, en función da dispoñibilidade de cada espazo e do horario da persoa encargada de abrir e pechar.”
P. 23: No Artigo 13, de ser legal o apartado c, engadirlle ao inicio: “Para as empresas privadas.”
P. 24: No Artigo 13, eliminación do apartado 3.
P. 25: No Artigo 13, no apartado 5, substituir “A administración Xeral da Com. Autónoma”,
por: “O Concello de Baiona” P. 26: No Artigo 16, modificación do 1º punto por: “Á necesidade por parte do Concello de uso dun espazo previamente cedido, ten que ser xustificada convenientemente, notificada con un mínimo de 10 días de antelación, procedéndose ao reintegro das taxas satisfeitas correspondentes.”
P. 27: No Artigo 19, eliminación do apartado a.
P. 28: No Artigo 19, no apartado c, substituir a palabra “apagados” por “silenciados”.
P. 29: No Artigo 19, no apartado d, engadir “do que non se teñan dereitos.”
P. 30: No Artigo 19, engadir o seguinte apartado: “O uso dos espazos para outra finalidade distinta á autorizada”
P. 31: No Artigo 19, engadir o seguinte apartado: “A introdución de animais en todo o recinto, agás os cans guía.
P. 32: No Artigo 19, engadir o seguinte apartado: “A almacenaxe de calquera tipo de material non relacionado co uso.”
P. 33: Consideramos que deberan existir articulados de:
- Responsabilidade Civil
- Infraccións
- Sancións

O BNG realiza achegas para mellorar o regulamento do Multiusos "Mercado de Sabarís"