O BNG demanda a dotación dunha segunda ambulancia e unha mellora do servizo de radioloxía, saúde mental e fisioterapia no PAC do Val Miñor

Foto nota PAC Val Miñor

Carmela González, deputada no parlamento galego, considera fundamental un aumento orzamentario e sinala como prioritario a reactivación da asistencia sanitaria para superar a crise sanitaria creada polos recortes da Xunta de Galiza

O BNG demanda a dotación dunha segunda ambulancia e unha mellora do servizo de radioloxía, saúde mental e fisioterapia no PAC do Val Miñor

A  COVID 19, puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos  para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento.

Xa que logo, o Bloque Nacionalista Galego ven presentar emendas aos orzamentos xerais da Xunta de Galiza para mellorar o funcionamento sanitario no PAC Val Miñor. Demanda tanto a dotación dunha segunda ambulancia para o servizo de urxencias de luns a venres como a ampliación do horario dos servizos de radioloxía, saúde mental e fisioterapia que se prestan no centro de saúde por ser claramente insuficientes a xulgar polas listas de agarda que presentan.

A deputada no parlamento galego polo Bloque Nacionalista Galego, Carmela González analizou o funcionamento do SERGAS indicando que “esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario e deixou en evidencia o preciso que é investir en saúde e que a repercusión dos 11 anos de recortes do PP ten unhas consecuencias desastrosas con escaseza de profesionais, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados e incluso persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros”, engade tamén como fundamental que “a consellería de sanidade baséase nunha política de restricións de acceso á asistencia sanitaria do sistema público, o que está ocasionando moitas dificultades de funcionamento e graves deficiencias para a veciñanza”. E sinala tamén que “precísase con urxencia apostar pola sanidade pública e pola reactivación da asistencia primaria”.

O BNG demanda a dotación dunha segunda ambulancia e unha mellora do servizo de radioloxía, saúde mental e fisioterapia no PAC do Val Miñor