Iago Pereira, elexido candidato á Alcaldía de Baiona

Iago Pereira, elexido candidato á Alcaldía de Baiona

Iago

Logo de ter iniciado un proceso de consultas cidadáns a través de asembleas abertas e tras terse achegado nelas as directrices de actuación en canto á designación daquelas persoas que deben representar ao Bloque Nacionalista Galego no concello de Baiona, a proposta definitiva do primeiro tramo da candidatura para as Municipais (dez primeiros postos) deste ano contou coa aprobación inicial en asemblea aberta e posterior ratificación tanto no Consello Local como no Comarcal. Éste é o paso previo para que o Consello Nacional que se celebrará o vindeiro Sábado sete de febreiro proceda á súa aprobación definitiva.

Tras as deliberacións oportunas, acordóuse por unanimidade que o candidato á alcaldía de Baiona sexa Iago Pereira, actual Portavoz Municipal. “Esta candidatura é fiel reflexo do proceso de renovación e revolución que está a vivir o BNG”, apunta Iago Pereira. “A media de idade é significativamente baixa, os cinco que encabezamos a candidatura nunca antes nos presentáramos en postos de cabeza. Tomamos nota da petición de aire fresco que demanda a xente e actuamos en consecuencia”.

“Os chamados fillos da democracia, nados entorno aos anos setenta, levamos demandado desde hai tempo a nosa oportunidade para practicar a política dun xeito totalmente diferente. Poñendo en cuestión e sabendo que as vellas fórmulas xa non son válidas, reivindicamos a ilusión da transformación co exercicio da política e coa implicación de toda a cidadanía crítica”, sinala Xosé Manoel Marcote, actual Responsábel Local e candidato número dous.

Mais éste non é máis que o primeiro paso no proceso que se inicia de cara ás Eleccións Municipais de Maio. A partires do vindeiro Luns celebraranse asembleas abertas semanalmente (Hotel Tres Carabelas, a partires das 20.30 horas) co fin de definir tema a tema o definitivo programa electoral e pechar definitivamente a candidatura, que se presentará entre os meses de Febreiro e Marzo.

“Contrariamente ao Partido Popular e ao Sr. Almuiña, nós consideramos que a política ten que ter contido ideolóxico, co fin de dar cumprida solución aos problemas de baioneses e baionesas. Actualmente o Concello de Baiona non é máis que un órgano administrativo sin alma, que executa os orzamentos sin aspirar a nada. A xente está  a pasalo mal e non vén as administracións públicas como unha axuda, de ahí a desafección que se ven mostrando últimamente. Agora tócanos non só facer ver que o BNG é a alternativa ás políticas do Partido Popular, sinón que tamén temos que loitar por recuperar a ilusión pola política en sí mesma. Nestes últimos anos demostramos que se hai unha oposición e unha alternativa ésta é a do BNG. A política non se pode exercer cada catro anos, hai que presentarse cun traballo previo e nós así o facemos”, finaliza Iago Pereira.

Baiona, 29 de Xaneiro do 2015

 

Iago Pereira, elexido candidato á Alcaldía de Baiona