O BNG OPONSE Á SUBA NAS TARIFAS DA PISCINA MANCOMUNADA

O BNG OPONSE Á SUBA NAS TARIFAS DA PISCINA MANCOMUNADA

No vindeiro Pleno da Mancomunidade, anulado hoxe por indisposición do Alcalde de Nigrán, proponse unha suba de tarifas da piscina mancomunada da Ramallosa.

Como no exercicio anterior, a suba prantexada é a simple aplicación do IPC, supoñendo un incremento do 1,4%, a engadir ao 1,9% anterior. O BNG considera que esta aplicación é absolutamente irregular e contradí o prego de condicións asinado entre a Mancomunidade do Val Miñor e a empresa concesionaria.

Como xa manifestou noutras ocasións o portavoz do BNG na Mancomunidade e concelleiro na Corporación Municipal de Nigrán, Xavier Rodríguez, non corresponde a aplicación automática do IPC, xa que o Prego regulador da concesión sinala con claridade meridiana que para a determinación da cuantía da revisión teranse en conta o incremento dos gastos de persoal e o dos demáis gastos de xestión.

Así, non procede revisión de prezos polo primeiro dos conceptos, tal e como sinala o informe de intervención, xa que o incremento aplicable polos gastos de persoal terá como límite o acordado para o persoal dos Concellos, que neste exercicio e no anterior non se produciu, incluso producíndose un descenso nas retribucións dos empregados públicos.

Xa que logo, deberíase aplicar só a parte proporcional da suba do IPC segundo a estrutura de costes presentada pola concesionaria e non regalarlle, por segundo ano consecutivo, unha suba de tarifas superior á que en realidade correspondería, suba que vai á costa dos usuarios da piscina.

Engadido a esta circunstancia tamén é salientable o feito de que a empresa concesionaria ten practicado unha política de mínima atención aos usuarios que optan polo bono estándar, como teñen denunciado a esta formación diversos usuarios da piscina mancomunada, quizáis orientada a incitar a contratación de servizos suplementarios.

Xavier Rodríguez Fernández e Ana Mª Rodríguez Fernández

Concelleiros do BNG na Mancomunidade do Val Miñor

O BNG OPONSE Á SUBA NAS TARIFAS DA PISCINA MANCOMUNADA