Imprimir

O BNG reclama medidas a prol do rescate de POVISA

bngbaiona | 07 de outubro de 2019

POVISA
POVISA
O hospital POVISA presta atención sanitaria a case 140 mil persoas dos concellos de Vigo, Moaña, Cangas, Nigrán, Gondomar e Baiona, contando cun cadro persoal de aproximadament e 1.500 traballadoras e traballadores.

O concerto singular que o SERGAS mantén históricamente co hospital condicionou e segue a condicionar o deseño do conxunto da área sanitaria de Vigo, segregando recursos da Sanidade Pública para financiar un centro privado que lle supón ao SERGAS un desembolso de máis de 75 millóns de euros anuais (7 de cada 10 euros que ingresa POVISA proveñen dos fondos deste concerto, a razón de 504 euros por paciente e outras
transferencias complementarias). Neste sentido, a política privatizadora seguida polo Partido Popular na Xunta de Galiza, con medidas como o recorte das capacidades e dotacións do Hospital Álvaro Cunqueiro ou o desmantelamento de boa parte do Hospital do Meixoeiro, provocou deliberadamente que POVISA sexa imprescindíbel, polo momento, para garantir a atención sanitaria no conxunto da área, sendo ademais centro de referencia para o sur de Galiza para cirurxía maxilofacial, da man e persoas queimadas.

Ante a compra do hospital POVISA por parte do Grupo Ribera Salud por 24 millóns de euros, chama a atención que este grupo empresarial participado nun 90% por un “fondo voitre” norteamericano (Centene Corporation) asuma a xestión dun centro hospitalario que arrastra perdas millonarias, a pesares das contínuas aportacións de diñeiro público e a condonación da factura farmacéutica deste centro por parte do SERGAS. Ademais convén lembrar que Ribera Salud foi o grupo propietario do hospital valenciano de Alzira que, pola súa pésima xestión, tivo que ser finalmente rescatado pola Generalitat Valenciana.

Cómpre rexeitar de maneira contundente esta operación claramente especulativa que compromete un dereito irrenunciábel e un servizo público esencial como a atención sanitaria, e que non se reduce a unha operación entre sociedades privadas, toda vez que POVISA é un grande perceptor de diñeiro público a través do concerto. En consecuencia o SERGAS debe absorber de xeito directo a xestión deste centro hospitalario, garantindo tanto o mantemento dos postos de traballo do persoal deste centro sanitario como a atención sanitaria da poboación adscrita a POVISA, en base ao seu dereito a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade.

xa que logo, o BNG reclamará no Pleno municipal da Corporación que se adopten os seguintes acordos.

1.-Instar á Xunta de Galiza a iniciar o proceso de declaración do Hospital POVISA de interese público como primeiro paso para tomar o seu control desde o Sergas e, deste xeito, blindalo ante calquera tentación de futuros recortes e garantir de maneira efectiva a atención sanitaria.

2.- Reclamar á Xunta de Galiza que actúe como garante da calidade da atención sanitaria da poboación adscrita a Povisa así como a velar polo mantemento dos postos de traballo do persoal deste centro hospitalario.

3.-Trasladar os presentes acordos á Presidencia da Xunta de Galiza e a todos os grupos parlamentares do Parlamento Galego.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/mocions/bng-reclama-medidas-prol-do-rescate-povisa/20191007222533001145.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego - Baiona

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal