Rexeitadas as medidas contra a pobreza enerxética que propuxo o BNG

Factura
Factura

A moción presentada polo BNG-AA reclamaba á Xunta de Galiza e ao Estado español medidas para garantir o subministro enerxético a familias en situación de pobreza, a prohibición de cortes unilaterais de servizo e a creación dunha tarifa eléctrica galega.

Rexeitadas as medidas contra a pobreza enerxética que propuxo o BNG

En Galiza a taxa de risco de pobreza medrou nun só ano 4 puntos, situándose no 19,4% en 2015. Isto significa que máis de 700.000 persoas están en risco de exclusión social ou pobreza.

Aos recortes, ao copagamento nos servizos públicos ou á restrición no acceso a sanidade, hai que engadir a redución nas prestacións por desemprego, xunto coa futura eliminación de servizos que se prestan nos concellos, por causa da reforma local, ou as reformas que afectarán subsidios por desemprego ou as pensións. Estas medidas agrávanse coa permanente redución dos orzamentos do Estado español e da Xunta, e que, co encarecemento da enerxía, sexa o gas ou a electricidade, o desemprego ou a falta de recursos económicos, provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral. Cada vez máis persoas quedan sen prestacións ao esgotaren as axudas de protección social, sen emprego, sen fogar ou sen poder afrontar o pagamento de hipotecas, alugueiros ou servizos básicos como a luz, o gas... ou simplemente poder alimentarse.

O goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio as persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.

En consonancia con isto, hoxe, outro dos factores de vulnerabilidade para moitas familias galegas é a pobreza enerxética, e concretamente o subministro eléctrico as súas vivendas. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, nos últimos anos incrementáronse.

Esta situación faise especialmente dramática pensando que se poidan producir cortes do subministro en fogares sen recursos, un feito que agudizará aínda máis as penosas condicións de vida das persoas que os habitan.

Países europeos, como Francia, limitan durante o tempo invernal os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar o recibo da luz. Alemaña paga a calefacción e o aluguer das persoas en paro de longa duración. Cataluña estuda prohibir os cortes de enerxía a familias na pobreza.

Os niveis e datos de pobreza en Galiza que enumeramos ao principio e as condicións climatolóxicas adversas do inverno, fan especialmente necesario que o goberno central e a Xunta de Galiza adopten medidas diante desta problemática para evitar as súas dramáticas consecuencias.

O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario. Así, argumenta que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción. Porén, isto é falso. A trampa reside na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista, o coñecido como “pool” eléctrico. Antes da liberalización do sector, ligábase o prezo da enerxía ao custo real de produción de cada unha das tecnoloxías. Na actualidade, o prezo final da electricidade no mercado maiorista vén determinado polo prezo da última oferta en ser aceptada. Isto significa que, dada a existencia de tecnoloxías que producen a uns custos moi inferiores, este sistema xera uns beneficios exaxeradamente elevados aos propietarios desas instalacións de produción; son os coñecidos no sector como “beneficios chovidos do ceo”, sobre todo no caso de enerxías case amortizadas como a hidroeléctrica e a nuclear. Cabe, por tanto, opoñerse con absoluta rotundidade a incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas. Cómpre avogar,
pois, por uha reforma a fondo da normativa do sector eléctrico, tanto para corrixir os denominados inxustos e elevados beneficios que se xeran co formato actual de poxas de enerxía no mercado maiorista, co que se poría fin á escalada no incremento do déficit da tarifa, como para retornar a un modelo de maior intervención e control nun servizo esencial como o subministro eléctrico aos fogares, cuxa liberalización demostrou que beneficia exclusivamente ás grandes empresas enerxéticas a custo dunha política abusiva coa
maioría das persoas abonadas.

Esta situación prodúcese nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade. Así, mentres padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtén ningún beneficio desta condición.

É por elo que o BNG-AA solicitou á Xunta de Galiza que realice as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, adopte
medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.

Así mesmo, o Goberno do Estado debe regular a prohibición taxativa de corte de suministro unilateral por parte das empresas subministradoras de servizos esenciais, particularmente os de enerxía, ás familias, precisándose en todo caso a autorización da administración competente para evitar os cortes a persoas e familias sen recursos. Tamén debe o Goberno do Estado español permitir a creación dunha tarifa
eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.