DEMANDADO ANOS ANTERIORES MEDIANTE MOCIÓNS POLO BNG HOXE SÁLDASE A CONTA PENDENTE DE BAIONA CO DÍA DO ORGULLO

Por primeira vez a bandeira LGTBI luce no Concello de Baiona

Iago Pereira e Yasmina Moreira baixo a faixa conmemorativa do Día do Orgullo
Iago Pereira e Yasmina Moreira baixo a faixa conmemorativa do Día do Orgullo
Por primeira vez a bandeira LGTBI luce no Concello de Baiona

Hoxe penduramos por primeira vez na historia de Baiona a bandeira LGTBI, é un pequeno xesto que marcará unha liña de actuación cara un futuro máis xusto no cal nos comprometemos a traballar para acadar a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación.

Hai 50 anos, na madrugada do 28 de xuño de 1969, tivo lugar no Stonewall Inn, un bar do barrio Greenwich Village, de Nova Iorque, unha revolta levada a cabo por persoas negras, trans e migrantes, contra os abusos e persecucións das forzas policiais contra o movemento LGTBI, pola súa disidencia contra a heterosexualidade como norma, e que supuxo o inicio da visibilización das súas demandas nos espazos públicos.

Medio século dunha revolta nacida como loita de clase, antirracista e de xénero, que posibilitou a formación dunha comunidade unida e combativa contra todas as barreiras e discriminacións que afectan ás persoas que defenden a diversidade sexual, ou que se identifican como gais, lesbianas, trans, bisexuais, intersexuais.... segue a ser necesario esixir o dereito das persoas a vivir en liberdade sexa cal sexa a súa opción afectiva e sexual, a identificación co rol de xénero ou a súa identidade.

Debemos educar ás crianzas en liberdade. Aprenderlles que hai multitude de identidades, que poden ser cis, trans, heterosexuais, bisexuais, lesbianas, homosexuais, intersexuais, ou calquera outra coa que se sintan identificadas.

Porque tal e como pretenderon facer coa conmemoración do 8 de marzo, non debemos esquecer a orixe do 28 de xuño e renderlle homenaxe á denuncia, á reivindicación e á loita de moitas persoas que eran perseguidas polo propio sistema que debería protexer os seus dereitos.