O PARTIDO POPULAR VÉN DE POÑER DE MANIFESTO QUÉ CULTURA ESTÁ INTERESADA EN DIFUNDIR E QUÉ FAVORES CÓMPRE AGRADECER

Infames poñentes que deslucen o 8º Ciclo de Conferencias do Concello de Baiona

Presentación do Octavo Ciclo de Conferencias do Concello de Baiona
Presentación do Octavo Ciclo de Conferencias do Concello de Baiona
Infames poñentes que deslucen o 8º Ciclo de Conferencias do Concello de Baiona

Dentro do 8º Ciclo de Conferencias de Verán que ten presentado podemos observar que da comezo coa impartida por Miguel Font, tendo como tema central o futuro de Vigo.

Miguel Font foi xerente de APROIN, a Asociación de Promotores Inmobiliarios durante dezasete anos, até que o estoupido da burbulla inmobiliaria fixo que tivera que ser cesado co fin de reducir gastos. Recentemente Miguel Font cobrou bastante notoriedade na nosa vila por ser un firme defensor nas redes sociais do proxecto de campo de golf nas Costeiras, presentando incluso alegacións en favor do mesmo. Que o Partido Popular convide a Miguel Font para falar do futuro de Vigo xa de por si resulta bastante pouco relevante para as preocupacións culturais da veciñanza baionesa, actuando máis como unha ferramenta ao servizo do Partido Popular vigués, mais no fondo non é máis que o derradeiro desprezo á veciñanza de Baredo que paralizou este proxecto coa súa loita cívica.

Mais non contentos con iso, entre os poñentes podemos atopar a Mario Conde, a escenificación mesma da peor cultura da avaricia e o amigo do alleo. Probablemente a súa conferencia “Ser uno mismo, ser persona en cualquier circunstancia de la vida” versará sobre como xestionar unha apropiación indebida de más de 42 millóns de euros, ser condenado dúas veces máis tamén por apropiación indebida, e seguir a ser persoa coa suficiente cara como para ir dando leccións polos platós de medios da extrema dereita e, como non, nos ciclos de conferencias organizados polo Partido Popular no noso concello.

Estes poñentes desvirtúan conferencias tan interesantes como a que impartirá Angélica Figueroa Conde-Valvís sobre o reto que supón a metástase do cancro na investigación médica, ou a de Alfonso Vázquez Ramallo sobre a física cuántica.

Durante o mes de Agosto este delirante ciclo de conferencias poderá levarnos por temas tan dispares como o coñecemento da gnose, Leonardo da Vinci, a saúde e o viño ou os mozos que abriron o camiño á Constitución Española do 1812. Cun broche final sobre a Universidade de Vigo, de mans de Luis Espada Recarey. Unha de cal e unha de area que desmerece alguhas das conferencias que teñen un alto contido cultural

Desde o Bloque Nacionalista Galego manifestamos que os criterios para artellar este ciclo de conferencias non reflexan os principios culturais que debe fomentar o Concello de Baiona, obviando totalmente a cultura galega, vencellando conferencias de alto interese xunto a outras con ponentes de dubidosa calidade. Non se demostra máis que o Partido Popular é unha organización política instaurada na cultura da especulación, da ilegalidade e dos favores persoais. Baiona merece bastante máis que o que o actual Goberno Municipal ofrece.