Moción para a condonación das montes consorciados e conveniados

Moción para a condonación das montes consorciados e conveniados

Os montes veciñais en man común ocupan 1/3 do territorio galego (sobre 650.000 hectáreas). Están xestionados democráticamente por unhas 3.000 comunidades de montes, que conforman un censo de aproximadamente 250.000 veciños e veciñas comuneiros. Son, ademáis, un sinal de identidade da nosa nación.

Os montes veciñais en man común cumpren as funcions sociais, económicas e ambientais que todo monte debe cumprir. Unha parte considerábel dos orzamentos das comunidades de montes destínase á mellora do propio monte (o que beneficia a sociedade no seu conxunto) e outra parte dedícase a obras de caracter social, comunitario e a actividades socioculturais (o que repercute na mellora da calidade de vida dos habitantes dos concellos).

A Lei de montes de Galiza actualmente vixente (Lei 7/2012, do 25 de xuño, na sua Disposición transitoria novena dita que se no mes de agosto do ano 2016 as comunidades de montes que teñen os seus montes veciñais consorciados ou conveniados non pagan o saldo debedor que teñen, están obrigadas a asinaren un contrato de xestión con unha empresa forestal privada.

As débedas (supostas e falsas) que teñen as comunidades de montes consorciadas ou conveniadas, para alén de teren erros contábeis (sempre en contra das comunidades de montes), son inxustas xa que parten dun roubo que parte de cando o rexime franquista lle usurpou os montes veciñais á veciñanza comuneira para llelos entregar a diversas administracións públicas.

Non hai ningunha razón legal, xurídica e técnica, para non condonar as débedas (supostas e falsas) que teñen os montes veciñais consorciados e /ou conveniados. A Lei de montes do Estado (Lei 43/2003,do 21 de novembro, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril), que é unha lei marco, na súa Disposición adicional segunda permite a condonación das débedas dos montes consorciados e/ou conveniados sempre que o titular da terra se comprometer a xestionala mediante un instrumento de xestión.

O feito de a Consellaría de Medio Rural e do Mar optar por non condonar as débedas dos montes veciñais consorciados e/ou conveniados ten un claro obxetivo político: arrancarlle 300.000 hectáreas de terra á veciñanza comuneira para llelas entregar de balde ás empresas forestais privadas. Esta xestión privada dos montes veciñais en man común non estará obrigada por lei a investir o 40% dos ingresos na mellora do monte e moito menos a investir de xeito voluntario en obras de carácter social e comunitario (traídas de auga, centros socioculturais, asfaltado de camiños, zonas de lecer....), e en activades socioculturais (grupos musicais, teatro, bandas de música, grupos de baile...), o que repercutirá negativamente na calidade de vida de galegas e galegos.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

1. Instar á Consellaría do Medio Rural e do Mar a que nos orzamentos xerais da Xunta de Galiza para o ano 2015 se dote dunha partida orzamentaria para a condonación das débedas dos montes consorciados e/ou conveniados.

2. Apoiar a manifestación que co lema "condonación das débedas dos consorcios e dos convenios" e convocada pola Orgaccmm terá lugar o día 22 de novembro de 2014 en Santiago de Compostela.