É a hora da responsabilidade, Baiona non merece este sainete

Iago Pereira, Portavoz Municipal
Iago Pereira, Portavoz Municipal

Sucédese un novo capítulo sen que xurda un mínimo de responsabilidade no Goberno Municipal. Diante do afastamento dunha das súas concelleiras e ante a perspectiva dun escenario en minoría e a aprobación dos orzamentos para 2019, o Partido Popular opta por pretender privar do voto á súa concelleira discrepante por unha presunta incompatibilidade que non se propuxo até o anuncio público de abandono. Os orzamentos municipais apróbanse en Pleno Municipal por maioría, nove de dezasete concelleiros e concelleiras e o Partido Popular contando con oito semella non sentirse capaz de aprobalos

É a hora da responsabilidade, Baiona non merece este sainete

É a hora de que, practicamente xa en período de precampaña, se tramiten uns orzamentos de consenso entre todas as forzas políticas, obrando con responsabilidade e deixando de lado os intereses partidistas en favor de toda a veciñanza baionesa. Ninguén debe pretender aproveitar esta situación para tirar rédito partidista e moito menos bloquear investimentos no noso concello por revanchismo político.

O BNG presentou unhas emendas de mínimos, mais é evidente que aberta esta vía debe presentarse un novo documento que elimine as eivas derivadas da mala xestión desenvolvida até o de agora. Xa que logo, o Goberno Municipal debe abrir unha vía de diálogo na que participen activamente todas as forzas políticas.

Non obstante, O BNG considera que o transfuguismo é unha quebra directa dos proxectos colectivos e o funcionamento democrático de calquera organización. Non é ético acceder a unha representación pública ao amparo dun proxecto político e logo apropiarse del, por moito que a lexislación vixente o permita, da que tanto gozou corrompéndoa o Partido Popular para privar de alcaldías a outras forzas. Si Beatriz González discrepa coa liña política da súa organización é lexítima a súa discrepancia pública e incluso a súa renuncia, mais a retención da acta de concelleira non é máis que outra forma de corrupción política. O que si evidencia é que o proxecto político do Partido Popular está esgotado e cada vez conta con menos apoios entre a veciñanza.

É a hora da responsabilidade, Baiona non merece este sainete