Historia dun balbordo

8º Ciclo de Conferencias de Verán
8º Ciclo de Conferencias de Verán

Mario Conde vén de renunciar a asistir a unha conferencia en Baiona tras as alternativas da Asociación Cultural Centáurea e o BNG

Historia dun balbordo

Na presentación do Octavo Ciclo de Conferencias de Verán que organiza o Concello de Baiona saltou a polémica ao figurar entre os asistentes o  declarado máximo impagador á facenda pública do Estado español, cunha débeda de máis de catorce millóns de euros. Mario Conde ía acudir a explicarnos como ser persoa en todo momento e toda circunstancia.

A sociedade baionesa, con toda lóxica, alporizóuse e reclamou medidas para que non sucedese tamaña afrenta á dignidade colectiva da nosa vila. Calificamos de infame esta circunstancia e solicitamos formalmente a súa cancelación, como tamén anunciou Esquerda Unida. Como non, a referencialidade do BNG é manifesta e houbo quen nos reclamaba medidas, co argumento de que a nosa capacidade movilizadora garantiría o éxito da acción. Mais en responsabilidade decidimos que os actos de boicot non son formas de exercer responsábelmente a acción política, polo que buscamos xeitos de reivindicación alternativos.

Interesada tamén a Asociación Cultural Centáurea nun acto de reivindicación cívica e da cultura nacional galega ofrecéusenos a posibilidade de participar nun acto público e aberto o mesmo e á mesma hora no espazo peatonal da Rúa Carabela a Pinta, acompañando ao reputado escritor e activista Suso de Toro.

Mais o Concello de Baiona non autorizou a solicitude de ocupación de espazo público realizado pola Asociación Cultural Centáurea coa excusa de que se celebraba á mesma hora e día que outra actividade do Concello. Vana excusa, toda vez que non é un argumento razoábel para a celebración de actividades dun colectivo social con plena autonomía de actuación.

Nese mesmo momento o noso Portavoz municipal coñeceu de boca da concelleira de Cultura, María Iglesias, a cancelación da infame conferencia.

Reprodúcese na nosa vila novamente un caso de rectificación do Goberno Municipal diante das reaccións públicas, algo que debe facernos reflexionar moi seriamente sobre a capacidade de transformación e dirección das decisións públicas por parte da veciñanza.

Cómpre concluir con que o Señor Mario Conde dixo non acudir a Baiona para non danar a súa imaxe por motivos políticos. Trabúcase de novo, de ter asistido a única imaxe danada tería sido a da nosa vila. Si a súa imaxe está danada é polos delitos polos que foi condenado e polas débedas que ten coa facenda pública. Ogallá que a lección que recibiu en Baiona lle axude a ser máis persoa noutros lugares e noutras circunstancias.

Historia dun balbordo