Despreocupación do PP pola saúde dos baioneses/as

Despreocupación do PP pola saúde dos baioneses/as

 

A instancias do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego - Asembleas Abertas, mediante a presentación de cadansúas mocións, debatíuse no Pleno Municipal de Baiona dúas cuestións de significativa relevancia sanitaria, para o Goberno Local desatendeu as peticións.

A primeira das mocións solicitaba que non se autorizase o uso de herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos e substituilos por métodos naturais, mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, iniciando ademáis unha campaña divulgativa a todos os colectivos e entidades do concello. Así mesmo este acordo debería dárselle traslado tanto á Xunta de Galiza como á Deputación de Pontevedra, instándolles a non empregar glifosato no tratamento dos cómaros da rede viaria.

O glifosato é un herbicida que elimina toda a vexetación coa que contacta, contamina os acuíferos é tóxico para a fauna acuática e os insectos polinizadores e esparéxese sen control polo subsolo. Tamén ten efectos nocivos para a saúde, existindo estudos cientificos que relacionan o seu uso con afeccións e enfermidades.

Por contra, as rozas mecánicas ou manuais son máis respectuosas co medio ambiente, sendo selectivas na súa correcta aplicación.

Todas estas advetencias foron contestadas polo Partido Popular cun simple "si a UE non as prohibe nós non sabemos si é tóxico ou non", demostrando falta de iniciativa, seguidismo e despreocupación polas consecuencias aos baioneses e baionesas.

En relación ao reforzo sanitario, o BNG-AA solicitou nunha segunda moción que se instase á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza e ao SERGAS á substitución do persoal médico e técnico de radioloxía, fisioterapia, psiquiatría e psicoloxía durante o período vacacional do persoal no Servizo de Atención Primaria da Xunqueira.

Na época estival este servizo vese notablemente mermado por mor das vacacións de determinado persoal médico ou técnico, chegando incluso ao peche dalgunhas consultas por no dispor de profesionais que as atendan, conlevando atrasos nas consultas, desprazamentos a Vigo e aumentos nas listaxes de agarda.

Novamente o Partido Popular desoiu as demandas dos nacionalistas, argumentando que no Verán prodúcese menos demanda e ate "morre menos xente". Con tan fascinantes argumentos teñen a palabra os baioneses e baionesas que fan uso yabitual do sistema sanitario público no Centro de Atención Primaria da Xunqueira.

Despreocupación do PP pola saúde dos baioneses/as