O BNG solicita medidas no Parlamento para que rematen os abusos de Portos de Galiza

2018-06-30 - Comparecencia no Parlamento
Iago Pereira acompañando a Ana Pontón no Parlamento

Iago Pereira, Portavoz Municipal do BNG en Baiona acompañou na comparecencia de Ana Pontón na que anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentar na que solicitará eximir aos concellos das taxas portuarias, desafectar os espazos portuarios para convertelos en  terreos municipais e modificar o réxime de sancións aos concellos con portos

O BNG solicita medidas no Parlamento para que rematen os abusos de Portos de Galiza

O Grupo Municipal do BNG en Baiona trasladou ao seu Grupo Parlamentar as inquedanzas da veciñanza baionesa en relación á prohibición de pescar no Porto de Baiona. Esta actividade está fondamente enraizada na tradición baionesa e a Lei de Portos de Galiza a prohibe.

Máis aló disto, Ana Pontón denunciou que  Portos de Galiza aplica  aos concellos con portos  unhas taxas abusivas pola utilización de espazos públicos, coas que está a privatizar os portos restrinxindo o uso de espazos públicos para a  participación veciñal. A visión do Partido popular é recadatoria e mercantilista e os beneficios polas taxas portuarias non revirten na mellora dos portos. Portos de Galiza está a facer caixa cuns concellos que deben soportar un financiamento moi deficiente. A Lei de Portos do Partido Popular alimenta un cambio de modelo portuario que rompe coa tradición galega de considerar os portos como lugares de encontro e participación social.

A proposta do BNG solicita modificar a lei para eximir, tanto aos concellos como as asociacións sen ánimo de lucro do pago das taxas por utilizar espazos portuarios para actividades, lúdicas, festivas, deportivas e tradicionais, desafectar os espazos que tiveron uso portuario e que na actualidade forman parte da trama urbana, crear un organismo entre concellos e portos para as decisións que afecten ás dúas administracións e modificar o réxime sancionador para non obrigar a unha persoa que pesque nun porto a pagar unha multa que pode rondar os 60.000 euros.

A deputada Montse Prado manifestou que a primeira lei de Portos de Galiza foi elaborada de costas viradas ao sector e veciñanza e sobre todo aos concellos.

Trala  resolución presidencial  do mes de setembro  as actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e social así como outros servizos públicos teñen cada vez máis problemas e deben asumir unhas taxas abusivas por utilizar espazos que sempre foron usados de maneira  tradicional.

Portos de Galiza debe desafectar os espazos sen usos portuarios e traspasalos  ao dominio público, marítimo e terrestre para que os concellos podan utilizalos. Entre eles, as praias, xardíns, parques, e tramos de vías públicas, debendo os concellos comprometerse a asumir a limpeza e mantemento  de todos eses espazos. O BNG avoga por un uso compatible dos concellos co uso portuario.

O BNG solicita medidas no Parlamento para que rematen os abusos de Portos de Galiza