O ACORDO BASÉASE NUNHA DECLARACIÓN POLÍTICA E A ACEPTACIÓN DE QUINCE PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS PRESENTADAS POLO BNG.

BNG e PSOE acadan un acordo de gobernabilidade para o Concello de Baiona

Sinatura do acordo entre BNG e PSOE
Sinatura do acordo entre BNG e PSOE
BNG e PSOE acadan un acordo de gobernabilidade para o Concello de Baiona

O acordo de gobernabilidade acadado entre PSOE, Nós Baiona e BNG quer representar á vontade do cambio expresada polo pobo de Baiona nas pasadas eleccións municipais do 26 de Maio.

Será un goberno constituído por 10 concelleiros e o 55% do respaldo electoral. Unha base sólida e ampla para recoller e xestionar as inquedanzas actuais da nosa vila.

Inquedanzas e prioridades baseadas nas persoas, no desenvolvemento integral do territorio, o emprego, a consolidación do tecido económico e na calidade de vida; na transformación dunha administración local máis volcada na atención aos veciños e veciñas e no achegamento dun mellor futuro para Baiona no seu conxunto.

O acordo de gobernabilidade acadado por PSOE, Nós Baion e BNG, quer aportar estabilidade á xestión política e administrativa da vila. Un horizonte de estabilidade para os catro anos de mandato.

Un tempo que esixirá de todos e todas, e en primeiro lugar das forzas políticas asinantes, un esforzo de adicación, entrega de responsabilidade e de honestidade na xestión dos asuntos públicos.

Os tres grupos asinantes deste acordo político pola gobernabilidade en Baiona somos conscientes da importancia do reto que todos temos por diante e que asumimos con tanta humildade e prudencia como afrontamos con ilusión e decisión. Tentaremos non defraudar as altas expectativas con que o pobo de Baiona está a vivir este momento.

 

PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS PARA O PACTO DE GOBERNO EN BAIONA. ACORDO BNG-PSOE

A asemblea local do BNG en Baiona decidiu aceptar e integrarse na conformación dun goberno municipal xunto ao PSOE de Baiona e a formación política independente NÓS BAIONA. Xa que logo, en aras de garantir un goberno estable e transformador trasladamos as seguintes propostas programáticas:

1. Defensa e posta en valor da lingua e cultura Galega coa creación, entre outras, do Área de normalización linguística.

2. Garantir a participación veciñal e social nas actividades e propostas políticas.

3. Os plenos municipais como parte de participación social e a posibilidade da retransmisión en directo mediante plataformas de “streaming” e creación dun arquivo público dos mesmos, tanto en imaxe como en audio (podcast).

4. As medidas fiscais e de prezos públicos deben ter en conta a necesidade e a capacidade económica da maioría social da poboación, por iso, as persoas en situacións de dificultade se lle aplicará unha redución a súa carga tributaria mediante a modificación das ordenanzas fiscais, taxas e prezos públicos.

5. Valoración da migración en todos os departamentos municipais do software privativo ao libre e da realización dun programa de renting informático en todos os equipos da administración local e para todas aquelas asociacións que o demanden, optimizando a inversión en renovación de equipos.

6. Eliminación da simboloxía e do rueiro alusivo ao golpe de Estado e á ditadura franquista.

7. Dotar de partida orzamentaria ao IV PIOM.

8. A loita contra a violencia de xénero debe ser unha prioridade política para o goberno municipal con medidas como dar prioridade no emprego a vítimas de violencia de xénero e demandar un servizo de atención específico na oficina do Servizo Público de Emprego.

9. Revisión, negociación e aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e valorar a amortización de postos de traballo creados por sentenzas xudiciais.

10. Suprimir definitivamente do PXOM o Plan Especial das Costeiras en Baredo.

11. Fomento da promoción de vivenda protexida e, a través da imposición de gravames adicionais na tributación local ás vivendas e locais comerciais sen uso en mans de constructoras e bancos, disuadir da especulación, incentivando a posta en marcha de programas de aluguer social e de locais comerciais.

12. Apertura de novos accesos

  • Rehabilitar na parroquia de Sta Cristina o tránsito polo Camiño Real, á altura da Ponte Nova, protexéndoa coa limitación do tráfico por anchura e peso.

  • Estudo da posibilidade de abrir un vial de acceso entre a Urbanización Vista Real e o Barrio da Anunciada, dotando un novo acceso ao centro de Baiona e facilitando o tránsito alternativo á PO-552.

13. Apoio ao pequeno comercio e de proximidade suprimindo a autorización especial de apertura os domingos para as grandes superficies comerciais.

14. Declarar Baiona Concello libre de glifosato.

15. Búsca de alternativas para sair, na medida do posíbel, do tratamento por incineración de SOGAMA.