O BNG presenta alegacións ao Anteproxecto de explotación do Plan de Transporte da Xunta

ATSA é a actual concesionaria das liñas que afectan a Baiona
ATSA é a actual concesionaria das liñas que afectan a Baiona

Cunha publicación do anteproxecto o 23 de Xullo e con vinte días para poder estudalo e alegar, así foi como A Xunta de Galiza de Alberto Núñez Feijóo pretende aprobar a modificación das liñas de autobús que afectan a Baiona para os vindeiros dez anos.

O BNG presenta alegacións ao Anteproxecto de explotación do Plan de Transporte da Xunta

Con colectivos sociais en pé polo deficiente servizo no Val Miñor, coas empresas concesionarias recelosas por unhas condicións que incitan a concesión a grandes empresas en detrimento das pequenas e medianas que até o de agora viñan dando o servizo nas distintas comarcas, mais cun Bloque Nacionalista Galego preparado para presentar a súa visión radicalmente oposta a do Partido Popular, así é como a Xunta de Galiza tenta aprobar pola porta de atrás a explotación de liñas e servizos do Plan de transporte galego.

Partindo da base de que o documento é o suficientemente complexo como para que a súa análise durante o período de exposición pública debera ser maior para cumprir o principio de transparencia, que ten numerosos erros de bulto e que o seu xeito de presentación reforza aínda máis a incomprensión ao común da veciñanza a principal reclamación que se debe realizar é que se anule a tramitación co fin de presentar un novo documento, claro, conciso e mediante unha plataforma de consulta que facilite a súa comprensión e que, ademáis, se dote dun prazo de alegación que non sexa en período estival e que teña unha duración maior.

O Partido Popular ten o antidemocrático costume de menoscabar os períodos de alegacións, na busca da excusa de que aproba documentos sin oposición. Pola contra, para o BNG os períodos de alegacións son momentos non só de análise e de elaboración de propostas, sinón tamén de contraste cos colectivos e entidades sociais. Xa que logo, a creación dunha parada e axeitadas expedicións para cubrir o servizo de transporte ao IES Primeiro de Marzo é outra demanda social que se considera.

A visión do BNG sobre o transporte público colectivo non se basea no mero  feito de realizar traslados da periferia á cidade, trátase de vertebrar o territorio, de dar cumprida solución ás demandas da veciñanza e de contribuir á reducción do transporte individual e privado como medida de benestar e medio ambiental.

Entre diversas propostas e alegacións, o documento presentado polo BNG en Baiona sinala que non é lóxico que só exista unha liña diaria de ida desde Belesar e nin siquera haxa unha de volta. Mesmo recoñecendo a concesionaria actual que esta liña é deficitaria polo seu escaso uso a alternativa non é a supresión, sinón a busca dunha utilidade que permita aos veciños e veciñas de Belesar considerar o transporte en autobús como unha alternativa ao uso do coche ou a moto.

A parte deste sinsentido, non dá cobertura nin servizo as parroquias polo que o BNG propón a instauración dunha liña circular municipal que conecte as distintas parroquias coas liñas regulares que transcurren polo concello de Baiona. Ademáis, o BNG incide nas frecuencias ao CUVI e o Hospital Álvaro Cunqueiro ou a ausencia de liñas que permitan o acceso ao Meixoeiro e a Casa do Mar de Vigo, sinalando que é obriga da Xunta de Galiza contribuir a que a veciñanza poda mudarse a un hospital de xestión pública e que conte coas mesmas posibilidades de transporte que ao hospital de xestión privada.

Tamén resalta que a creación da liña ao Areal sexa só para dar servicio ao ocio nocturno de verán e non se contemple ao principal edificio administrativo da Xunta na área de influencia de Vigo, que se atopa precisamente na mesma zona. Non pode deixar de mencionarse neste eido que a principal eiva para un correcto servizo público de transporte colectivo é a falta de integración do transporte urbano de Vigo e o servizo regular de Gondomar no Transporte metropolitano, permitindo así transbordos sin custe e bonificacións no custe dos tránsitos e ter o servizo co IES Escolas Proval e o Centro de Saúde do Val Miñor.

O documento de alegacións, que consta de 17 propostas, pode consultarse no documento adxunto ou no seguinte enlace.