Moción - Solicitude de modificación da Lei Hipotecaria e medidas contra os desafiuzamentos

Moción - Solicitude de modificación da Lei Hipotecaria e medidas contra os desafiuzamentos

A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pón diante dun drama social de dimensións preocupantes. Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente. A voracidade dos bancos non se satisface cos casos dramáticos de familias e personas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fóra do seu fogar. Con casos tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros.

Os galegos e galegas sufrimos tamén este drama. Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.

As reunións agora entre PP e PSOE non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos opuxéronse ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados. De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que exixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes.

A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións.

O BNG, ao igual que outros sectores sociais, e mesmo a xudicatura, demandan medidas lexislativas e sociais para impedir este desaforo. Medidas para atender os casos máis dramáticos, para evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema. Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

  1. 1.         Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que proceda á modificación da Lei Hipotecaria, que teña carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas, adoptando medidas como as seguintes:

-     Contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda, garantizando o aluguer social da mesma vivenda sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes.

-     Estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais.

-     Contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas difíciles como a perda de emprego ou o peche dun negocio.

-     Estabelecer a posibilidad de poder converter a hipoteca nun aluguer.

-     Estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións.

-     Modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 60% do valor de  taxación.

2.    Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado a seguinte medida de carácter social:

-    Habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas.

3.    Instar á Xunta de Galiza á

-    Creación dunha Oficina de Asesoramento para Familias amenazadas polos desafiuzamentos.

-    Creación dunha Bolsa de Vivenda Social, exixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.

4.    Remitir este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e grupos parlamentares do Congreso e Parlamento de Galiza.

5.    Instar á Alcaldía a adopción das seguintes medidas:

-    Creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Estudando a posibilidade de axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.

-    Interesar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento.

-    No suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, na medida que sexa posíbel e non prexudique aos veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.