O BNG presenta unha moción en defensa dos traballadores do Parador

O BNG presenta unha moción en defensa dos traballadores do Parador

O vindeiro Luns celébrase Pleno Municipal no Concello de Baiona e o BNG quere que a Corporación se pronuncie en favor da defensa dos postos de traballo do Parador de Turismo de Baiona.

O Goberno do Estado acaba de anunciar un plan para proceder á eliminación de centos de postos de traballo en Paradores de España, que afecta gravemente aos paradores existentes en Galiza.

Por medio deste plan, duro e salvaxe, o Goberno do PP no Estado, co silencio cómprice e o beneplácito do goberno do PP na Xunta e dos alcaldes do PP nas vilas afectadas, queren proceder ao peche dos paradores de Ferrol e Verín, ademais de realizar despedimentos nos de Baiona, Cambados, Santiago de Compostela e Pontevedra, e pechar 5 meses ao ano nos de Tui, Nogueira de Ramuín, Monforte de Lemos e Vilalba.

Unha decisión que non explica que tipo de medidas ou xestións se tiveron adoptado para non chegar a este extremo e procurar a ocupación hostaleira co impulso dun plan de mellora e potenciación destes emblemáticos estabelecementos. Unha decisión que demostra a falta de xestión do PP, con capacidade demostrada para o recorte e o despido de centos de traballadores e traballadoras.

O BNG no Congreso dos Deputados xa demandou do Goberno do Estado explicacións por estes peches e despedimentos, e para saber que medidas e plans se aprobaron nos dous últimos anos para atraer demanda e impulsar a ocupación dos paradores .Antes de proceder ao peche e á eliminación de postos de traballo débense estudar outras alternativas ou realizar un Plan de Empresa.

Ademais, o BNG, quere coñecer as razóns ou criterios utilizados para esta nova agresión, xa que fronte ao caso de Ferrol que perdeu o ano pasado 50.000 euros, existen outros con perdas de até 300.000 euros, tal como declaran fontes sindicais dos traballadores e traballadoras, que non se ven afectados.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

-     Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado a suspensión do Plan de axuste de Paradores de España mantendo abertos os paradores galegos durante todo o ano e impedindo o despedimento de traballadores e traballadoras.

-     Demandar que se adopten medidas para procurar a ocupación hostaleira e un plan de mellora e potenciación dos paradores galegos.

-     Reclamar que calquera plan que afecte aos paradores sexa negociado coas organización sindicais representativas no sector.

-     Trasladar este acordo ao Presidente do Goberno do Estado, Presidente da Xunta de Galiza e grupos do Parlamento galego.

Resulta evidente cál é o obxectivo último das maniobras realizadas entorno ao persoal dos Paradores de Turismo, que non é outro que o de acabar privatizando totalmente os mesmos. Mais lamentablemente esta actuación acabará por eliminar definitivamente o obxectivo principal da orixe dos Paradores de Turismo, o de contribuir a desenrolar e revitalizar zonas que non contaban como referentes turísticos ou que se amosaban lonxanos aos mesmos, incentivando o desenrolo económico arredor deles. No caso concreto do Parador de Turismo de Baiona a súa completa privatización conlevará un menoscabo da influencia no comercio local en favor dunha soa empresa privada.

Baiona non pode permitirse o luxo de que os enormes beneficios ocasionados pola presencia dun Parador de Turismo na localidade acaben desaparecendo pola mala xestión pública en favor de intereses privados.