Alegacións a uns orzamentos electoralistas

Alegacións a uns orzamentos electoralistas

Tras a aprobación inicial no Pleno Municipal dos orzamentos para o ano 2015, o BNG vén de presentar alegacións aos mesmos.

Iago Pereira, Portavoz municipal, sinala que: "Son uns orzamentos electoralistas. A estratexia que seguiron desde o equipo de goberno, que ben lles ensinaron dende a Xunta de Galiza e a Moncloa, foi rebaixar ao máximo as partidas sociais un ano ante do das eleccións para así aumentalas no ano electoral".

Un claro exemplo son as partidas adicadas a emerxencia social, que no 2015 constitúen o 4,27% do orzamento, no 2014 eran o 4,14%, mais no 2013 supoñían o 4,32%. Ainda así, cómpre saludar que o Goberno municipal reflicta nos orzamentos aspectos incluidos nas alegacións que o BNG presentara no exercicio do 2014, como son a recuperación das bolsas de formación.

Nunha lectura atendendo ás decisións políticas na xestión os baioneses e baionesas pagaremos 159.000 € máis que hai dous anos nos conceptos de canos de SOGAMA, saneamento ou tarifa eléctrica. O noutrora rebelde coa Xunta Vázquez Almuiña agora non é quen de defender os intereses da veciñanza e acata sin rechistar as subas nos servizos.

Non obra a maxia precisamente o Concello de Baiona. Cómo pode aumentar partidas respecto ao exercicio anterior sin subir impostos e taxas? Sinxelo, incrementando a partidas de sancións, tanto en retirada de vehículos da vía pública como por multas de infraccións da ordenanza de circulación. Pásase de 81.000 € no 2014 a 106.000 € no 2015.

O BNG presentou finalmente tres alegacións aos orzamentos, que son as seguintes:

- Aumentar ou, como mínimo, recuperar a partida existente nos orzamentos de 2013 destinada a axudas a familias e institucións sin ánimo de lucro, por un total de 28.000 €.

- Destinar os 15.200 € previstos para a festa da terceira idade a axudas a persoas en situación de emerxencia social (axudas ao aluguer, recibos de auga e enerxía, alimentación, roupas...).

- Recuperar o importe da partida existente en orzamentos anteriores para o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade de axudas a paises do terceiro mundo.

Enlace ás alegacións presentadas