Creación do centro de interpretación da natureza do Val Miñor no Centro Antena de Sabarís

Creación do centro de interpretación da natureza do Val Miñor no Centro Antena de Sabarís

 

A súa ubicación potenciaría o valor ambiental da Ensenada pero o goberno do PP do concello de Baiona ten previsto como uso do Centro Antena de Sabarís, a mal chamada “Casa Rosa”, un espazo de ocio para maiores. O edificio consta de dúas plantas e manteráse a planta alta como observatorio de aves e na planta baixa será a destinada como espazo de ocio para a terceira idade equipada con algún ordenador, mesas para practicar xogos e participar en cursos.

 

Cabe lembrar que está en proxecto a creación dun centro social no antigo Mercado de Sabarís onde todas as persoas (incluídas as maiores) poderán desfrutar dun espazo de ocio, de xogos e de realización de cursos. Xa que logo, fica claro que este uso é unha simple estratexia electoral do PP de Baiona que amosa un nulo proxecto político para a parroquia e unha falla de ideas dun goberno sen rumbo que está completamente esgotado e acabado.

 

O BNG consideramos que, tendo presente a privilexiada localización do edificio situado á carón da Foz do Miñor que foi declarada LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) pola Rede Natura 2000, o uso máis acaído para o Centro Antena de Sabarís é como Centro de Interpretación da natureza do Val Miñor.

Converténdoo no centro de referencia dos valores ambientais e recursos naturais do Val Miñor e a Enseada de Baiona; De punto de encontro, informativo e coñecemento dos diversos recursos e divulgativo dos mesmos; Desenvolver actividades ambientais e patrimoniais na contorna; Desenvolvemento de actividades como sendeirismo e visitas guiadas para dar a coñecer o valor paisaxístico e patrimonial tanto natural, como histórico-artístico e etnográfico do noso Val.

Cunha temática que abarcaría todo o referente a patrimonio natural e beleza paisaxística (xeoloxía, flora, fauna, as Serras do Galiñeiro e Groba, litoral de Baiona e os diversos accidentes xeográficos e plataforma continental, distintos hábitats tanto terrestres como mariños, a propia marisma da Foz ...).

 

A distribución física do edificio sería:

O piso superior tería un obxectivo práctico: Destacando a importancia da Foz do Miñor con información das aves invernantes, aves mariñas e outras que fan uso do esteiro, complementado de telescopios para a súa observación e explicando con paneis informativos da formación, funcionamento ecolóxico, a súa importancia para o litoral como regulador, as figuras lexislativas que o protexen e o impacto ambiental que sofre.  Acondicionando un espazo de observación da marisma, telescopios, prismáticos e guías identificativas da diversidade de flora e fauna atopada na marisma. Destacando as diversas aves que o utilizan como lugar habitual, de paso nas rutas migratorias, para o descanso e diversas tarefas biolóxicas (acicalamento, busca de parella, alimentación..)   por ser unha zona recollida e protexida dos ventos e mareas pola praia Ladeira e a súa frecha litoral.

O piso inferior sería de obxectivo expositivo (paneis informativos, fotografías,...) e informativo (conferencias, charlas,...): Funcionamento dos ecosistemas de toda a contorna do Val Miñor, dende os cumes ata os fondos mariños e plataforma continental, poñendo en relevancia lugares de interese do patrimonio cultural tanto arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico.

O BNG creemos profundamente na posta en valor do grande patrimonio medioambiental que temos en Baiona e no Val Miñor, coma un dos xeitos máis eficaces de coñecer e protexer o medio ambiente e de conseguir a desestacionalización turística.